Sunday 28 de April de 2024

A concellería de Novas Tecnoloxías pon en marcha o programa MullerTIC


O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Francisco Suárez-Puerta, presentou hoxe o programa de formación MullerTIC, que se desenvolverá en colaboración coa asociación Cibervoluntarios.

Recoñecendo a fenda de xénero que persiste neste eido, MullerTIC proponse como ferramenta para promover a igualdade de oportunidades e o acceso equitativo á formación e ao emprego no sector tecnolóxico.

O programa está dividido en tres partes; a primeira, Ferramentas básicas para o emprego, realizarase o día 2 de marzo de 12:00 a 13:30, e consistirá nunha formación orientada á elaboración de currículum; a segunda formación, Ferramentas dixitais para a busca de emprego, terá lugar o 16 de marzo e consistirá no uso de plataformas para a busca activa de emprego. Por último, o 6 de abril remata o programa coa formación Ferramentas dixitais para o emprendemento, dirixido a aquelas mulleres que queren poñer en marcha un novo negocio.

O programa de formación MullerTIC é unha valiosa iniciativa que non só proporciona competencias técnicas e oportunidades profesionais ás mulleres, senón que impulsa un cambio cultural cara á igualdade de xénero no ámbito tecnolóxico. As inscricións poderanse realizar a través do teléfono 981876043 ou no mail cemit.ribeira@xunta.gal.